Sunday 12 de May de 2024

O Concello organiza rutas para coñecer a riqueza natural do ámbito da Torre de Hércules


A iniciativa arranca a finais do próximo mes de xaneiro e desenvolverase, unha vez ao mes, durante os fins de semana, en horario de mañá, en grupos reducidos de 15 persoas

O concelleiro de Medio, Enrique Salvador, acompañado polo presidente do Grupo Naturalista Hábitat, Santiago Vázquez, presentou esta mañá Roteiros pola torre, unha iniciativa posta en marcha polo Concello en colaboración con esta asociación co obxectivo principal de achegar aos cidadáns e visitantes da Coruñaos valores naturais do ámbito da Torre de Hércules.
“Queremos potenciar unha das zonas da cidade de maior beleza arquitectónica, pero tamén paisaxística. Falamos dun observatorio natural de enorme valor ecolóxico que queremos converter na mellor oportunidade para gozar da natureza, da súa flora e a súa fauna, sen saír da cidade e coñecer a biodiversidade deste espazo coruñés, sumando este atractivo a outros como o paisaxístico ou o cultural”, destacou Enrique Salvador.
A actividade consiste nun traxecto circular a pé que arrancará na base da Torre de Hércules e percorrerá os sendeiros do cabo ataPunta Herminia. No percorrido, que terá unha duración aproximada de 90 minutos, os guías explicarán aos asistentes as especies que se poden observar e os valores naturais da zona, ademais de atender as consultas que os participantes desexen formular. En concreto, realizaranse diferentes paradas estratéxicas, cun total aproximado de 8 programadas, onde se instalarán os instrumentos ópticos para a observación das especies de aves que se sitúan máis lonxe da liña de costa. Ao mesmo tempo iranse observando as diferentes especies de fauna e flora presentes no ámbito como anfibios, réptiles, insectos ou plantas.
“A iniciativa arranca a finais do próximo mes de xaneiro e desenvolverase, unha vez ao mes, durante os fins de semana, en horario de mañá, en grupos reducidos de 15 persoas nos que poderán participar tamén menores acompañados dun adulto”, explicou o concelleiro, quen indicou que a actividade é gratuíta.
Enrique Salvador tamén destacou algúns dos obxectivos da iniciativa:
– Achegar a coruñeses e visitantes os valores naturais presentes no ámbito da Torre de Hércules.
– Espertar na poboación un maior interese pola natureza do seu ámbito, a partir dunha participación activa e de contacto coa paisaxe.
– Combinar valores naturais e riqueza arquitectónica co fin de maximizar o interese polas actividades dirixidas ao público en xeral.
– Mostrar e divulgar a ampla biodiversidade sobre as especies de flora e fauna presentes no ámbito da Torre de Hércules.
Os interesados en participar teñen que inscribirse previamente mandando un correo electrónico a gnhabitat@yahoo.es, indicando o nome, número de participantes, data, horario (xa que haberá dúas quendas) e teléfono de contacto. Poderase consultar toda a información na web do Servizo Municipal de Medio (www.coruna.es/medioambiente). Ademais, editaranse 2.000 trípticos informativos.
O concelleiro de Medio recordou o compromiso do Goberno municipal co ámbito da Torre de Hércules, no que xa se realizaron distintas actuacións de acondicionamento como nas senllas peonís, unha vella demanda veciñal e de infinidade de usuarios que, ao longo de todo o ano, practican neste espazo todo tipo de actividades lúdicas e deportivas.